A Eira da Xoana de ADEGA gaña o premio Gómez Román á mellor rehabilitación
- O octubre 6, 2010
- Por setestrelo
- En Novas
0
Radiofusion
O Centro de Educación Medioambiental A Eira da Xoana, sede do proxecto Aldeaverde da organización ecoloxista Adega vén de recibir o Premio Gómez Román de Arquitectura Tradicional que convocou por vez primeira a asociación de Amigos do Castelo de Maceda, Setestrelo.
O xurado valorou que a intervención na parroquia de Ramil, no municipio d’A Golada conxuga «unha perfecta comprensión das construcións e a contorna vinculante, co resultado de recuperación da autenticidade e o ambiente tradicional, sen deixar de recrear a capacidade de provocar unha actual experiencia identitaria» e merece o recoñecemento na categoría de edificacións tradicionais rehabilitadas.
Dende ADEGA, malia celebrar o galardón, láianse de que a Consellaría de Cultura negase senllas axudas á Eira da Xoana para o equipamento e realización de actividades culturais. Os ecoloxistas pregúntanse se é que “só hai cartos para o Xacobeo e o Papa?”.
Ademais, Setestrelo tamén concedeu o premio Gómez Román para construcións adxectivas rehabilitadas ou reconstruidas que foi para ao Estudio de Salgado e Liñares, autores do proxecto de reintegración urbana do patrimonio cultural da Riberia do Traba, en Noia, mediante o que se recuperaron os accesos, o lavadoiro e a contorna dos muíños de Pedrachán.