Unha persoa chea de bonhomía

La Región – Manuel Herminio Iglesias

Hai persoas que, nada máis manter con elas unha pequena conversa sobre calquera tema social, político ou de calquera índole, axiña percibes a súa proximidade, cortesía, saber estar, sinceridade e sobre todo a súa bonhomía. E, case sen decatarte, aparece unha empatía que te fai cómplice e anímaste a seguir charlando do divino e do humano con ela, pois calquera tema resulta positivo e agradable. Digo positivo pois aprendes cousas, e o de agradable porque te atopas cómodo.

En diversas tertulias, en Telemiño, coincidín con Francisco Nóvoa e, neses debates amables, nos que opinabamos sobre temas moi diversos, con visións distintas, foi onde percibín as cualidades humanas reseñadas. E debo afirmar que me sorprendeu a súa forma positiva, moderada e ecuánime de ver a vida en xeral e en particular a colectiva. Polo que, axiña decateime de que tiña diante min a un home de ben. Logo descubrín a un ser preocupado polo seu pobo e polas súas xentes, sempre disposto a arrimar o ombreiro naquelas cousas que alguén lle pedía ou en proxectos diversos. Persoa moi próxima co seu concello, que sempre foi louvando a súa vila e dicindo con orgullo ‘son de Maceda’. En fin, celebro que o Concello que dirixe Xavier Oviedo tomase a iniciativa de nomealo fillo predilecto. Estas persoas son as que honran os pobos e ás xentes que os habitan; son as que lle dan sal e lles aseguran un lugar na historia colectiva que día a día se tece entre os seus habitantes.

Felicidades Francisco: sentirse querido polos veciños é algo que te engrandece como persoa e te pon de exemplo para as xeracións vindeiras de macedanos e ourensáns. En definitiva, é algo moi fermoso que engrandece as xentes cheas de bonhomía, e ti es unha delas.

La Region 2-9-2010

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio