Setestrelo e a ourensanía

La Región – Afonso Vázquez-Monxardín

Aínda que sempre me cobizou a contestación de Rick no seu bar, alá na Casablanca de celuloide, cando lle pregunta o maior Strasser pola súa nacionalidade e el responde simplemente ‘borracho’, tamén me atrae a identidade local non localista. Como a de Ourense. Aquí nunca nos cremos máis nin menos que outros; somos bastante outra cousa. É certo que hai unha convivencia particular.

 

E o sábado pasado puideno ver de novo. Pero vaiamos ao conto. Era cousa popular ata hai pouco gabar as cousas adxudicándolle sete estralos. ‘Comprou un coche de sete estralos’ ou ‘fixo unha casa de sete estralos’. Supoño que vira o dito do mundo das navallas, porque a súa calidade tamén se mide polas veces que fai cra-cra-cra ao abrila; e sete non é mal número.

O caso é que me lembrei do dito, por pura asociación fonolóxica, o sábado pasado en Maceda, no acto en que se presentaba a asociación ‘Setestrelos’ de amigos do Castelo e con vocación declarada de defensa do patrimonio arquitectónico e cultural, en xeral, de Galicia. Para iso, instituía o premio Manuel Gómez Román, gabando, xustamen te, a memoria do arquitecto historicista e galeguista. O primeiro porque amaba a pedra, os artesáns e as formas das construcións nobres que recreaba nas súas conservadoras obras. E o segundo porque foi o último dirixente na clandestinidade do PG e o que veu pór paz entre Castelao e os arrichados galeguistas novos -Fermín Penzol levaba a voz cantante- cando se enfrontaran ao rianxeiro para que acatase os ditados do PG do interior, en París. ‘Ensinarlle a un pai a ter fillos’, constestara doído o noso prócer.

E como este ano non había ningunha candidatura para o premio, déronlle unha mención especial a Iago Seara, membro dese selecto grupo dos arquitectos galegos sensibles que desde hai máis de dúas décadas veñen impulsando a conservación do patrimonio en moitos foros. Parabéns ao noso concidadán.

E tiven a impresión de que nacía unha asociación de futuro. Impulsada por Francisco Nóvoa, empresario de éxito ligado ao sector da formación -a rede da Academia Postal é garantía- soubo reunir ao seu carón moito do mellor e plural do país: académicos, empresarios, fiscais, reitores, deputados, senadores, alcaldes. Porque hai xentes especialistas en unir ideas e persoas diversas para facer país, sabedoras de que a pluralidade, cuns claros referentes comúns, é sempre riqueza. Paco da Postal, a música, a cultura, o patrimonio e a lingua foron eses eixos do acto inaugural. Se é fermosa a idea da alianza turística das vilas con castelo que promoven, se é fermosa a recuperación da lembranza do arquitecto galeguista e o agardable traballo en pro do patrimonio cultural, para min aínda é máis fermoso ver alí a ourensáns do PP, BNG e PSOE, formando parte do Setestrelo e aplaudindo as precisas palabras de xustiza e reivindicación da lingua ditas por ese sabio amable que é Xesús Ferro Ruibal. Efectivamente, non falaremos galego cen millóns de persoas, pero nunca daremos falado con tanta xente na vida. E o galego está entre as linguas privilexiadas do planeta, pois é das poucas con máis dun millón de falantes, con medios de difusión, con oficialidade, e falada por xentes de garavata e mono. E porque o queremos, cando temos a sensación de que nos pican no noso, revolvémonos. Longa vida a Setestrelo, unha asociación de sete estralos.

La region 20-10-2009

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio