Setestrelo de setestralos

Galicia Hoxe – AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

Sempre oín ao meu avó gabar as cousas adxudicándolle «estralos». Sete, para ser exactos. «Comprou un coche de sete estralos» ou «Fixo unha casa de sete estralos». Non sei ben de onde virá o dito; se cadra do mundo das navallas que seica son mellores cantos máis estralos teñan, e sete é un bo número.

O caso é que me lembrei do dito o sábado pasado en Maceda, no acto en que se presentaba a asociación Setestrelos de amigos do Castelo e coa vocación de defensa do patrimonio arquitectónico e cultural xeral de Galicia. Para iso, instituía o premio Gómez Román turrando, xustamente, do eco da memoria do arquitecto historicista-galeguista. Historicista porque amaba a pedra, os canteiros, os carpinteiros e as formas das construcións tradicionais nobres, que recreaba nas súas obras, pois non era un home de vangarda. E galeguista porque foi o último dirixente na clandestinidade do PG e o que veu pór paz entre Castelao e os arrichados galeguistas novos -Fermín Penzol levaba a voz cantante- cando se enfrontaran ao rianxeiro para que acatase os ditados do PG do interior, en París. «Ensinarlle a un pai a ter fillos», constestara doído o noso prócer. Para impulsar o premio, abriron este ano cunha mención especial a Iago Seara, membro dese electo grupo dos arquitectos galegos sensibles que desde hai máis de dúas décadas veñen impulsando a conservación do patrimonio en moitos foros. Parabéns.

O caso é que Setestrelos me pareceu unha asociación de sete estralos. Impulsada por Francisco Nóvoa, empresario de éxito ligado ao sector da formación -a rede da Academia Postal está aí- soubo reunir ao seu carón o mellor e máis plural do país: académicos, empresarios, fiscais, reitores, deputados, senadores, alcaldes, neste caso comezando polo auriense país macedán. Hai xentes que tratan de unir ideas e persoas diversas para facer país, sabedoras de que a pluralidade, cuns referentes comúns, é só riqueza. Paco da Postal, a música de harpa, a cultura, o patrimonio e a lingua foron eses eixes do acto inaugural. Se é fermosa a idea da alianza turística das vilas con castelo, se é fermosa a recuperación da lembranza de Gómez Román e o agradable traballo en pro do patrimonio cultural, para min aínda o é máis ver alí a ourensáns do PP, BNG e PSOE, formando parte do Setestrelo e aplaudindo as precisas palabras de xustiza e reivindicación da lingua ditas por ese sabio amable que é Xesús Ferro Ruibal. Efectivamente, non falamos galego cen millóns de persoas, pero nunca daremos falado con tanta xente na vida. Efectivamente, o galego está entre as linguas privilexiadas do planeta, pois é das poucas con máis dun millón de falantes, con medios de difusión, con oficialidade, falada por xentes de gravata e mono. E porque o queremos, cando temos a sensación de que nos pican no noso, revolvémonos. Longa vida a Setestrelo, unha asociación de sete estralos.

Galicia Hoxe 20-10-2010

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio