Paco Nóvoa, fillo predilecto de Maceda

Faro de Vigo – Xosé González Martínez, Presidente Foro E. Peinador

A corporación municipal do concello de Maceda vén de acordar, por unanimidade de tódolos tres grupos políticos, nomear Fillo Predilecto a Francisco Nóvoa Rodríguez. Unha distinción excepcional, se temos en conta que hai cincuenta anos outro macedán, o cardeal Quiroga Palacios, recibira tal honor e, desde entón, ninguén máis. Xabier Oviedo, alcalde do Concello, manifestou a súa ledicia por levar a cabo este nomeamento tan merecido. Os voceiros dos demais partidos comparten a mesma opinión. Concordan con esta opinión máis de corenta entidades sociocomunitarias que se sumaron ao expediente municipal aberto para efectuar tal nomeamento. Tamén unha vintena de personalidades relevantes dos ámbitos institucionais e culturais de Galicia aportaron o seu escrito argumentando as razóns que o avalan para ser merecente de tal recoñecemento.

Paco Nóvoa naceu en Francos, topónimo que posiblemente fai alusión aos privilexios dos lugareños de estaren exentos de pagamento de impostos ao señor feudal. Ali abríu os seus ollos á vida. «Recibín dos meus antergos, entre outras poucas cousas, a lingua galega. Feito decisivo na miña formación humana», di na manda testamentaria que escribíu para o libro «En galego, agora e sempre». Alí pasou a súa infancia e mocidade a carón dos seus, sempre en relación cos valores esenciais da nosa cultura, nunha paisaxe excepcional presidida polas serras da Queixa e San Mamede. Con eses vimbios construíu Francisco Nóvoa a súa urdime identitaria que lle servíu para dárlle pulo á orientación galeguista que ten o Grupo Academia Postal. Velaí están os cento cincuenta manuais editados na nosa lingua para a formación do alumnado. Un fondo editorial considerable de gran importancia para galeguizar aos futuros cadros profesionais.

O seu galeguismo maniféstao coa participación en diversas entidades culturais. Entre outras, no Foro E. Peinador, unha entidade que ten como obxectivo galeguizar o ámbito empresarial. Labor que ten continuidade na Asociación Álvaro das Casas, que promove os premios «Bacelos de Prata» para fomentar o uso do noso idioma na etiquetaxe do viño galego. Nada nos reconforta tanto, e a Paco Nóvoa tamén, o resultado deste traballo, pois xa son duascentas as adegas galeguizadas; ou na Asociación de Amigos do Castelo de Maceda «Setestrelo» que el preside, e a convocatoria do premio de arquitectura tradicional «Manuel Gómez Román». Dous estímulos culturais importantes que van ter continuidade próximamente con outros de natureza singular e de eficaz pedagoxía galeguizadora.

O exemplo galeguizador do empresario Francisco Nóvoa ten precedentes na historia de Galicia: Enrique Peinador, os irmáns Fernández López, Ramón Obella Vidal, Isidro Parga Pondal e Xesús Canabal… empresarios de gran éxito nos seus negocios, pero tamén galeguistas. Eís a rexa personalidade personalidade de Paco Nóvoa, e a súa contribución ao reencontro da economía e a cultura galega, nomeadamente a súa lingua.

O próximo sábado, día 4, o Concello de Maceda ten prevista a celebración institucional de investidura do novo Fillo Predilecto na igrexa parroquial de San Pedro. Alí estaremos os motivos de Paco Novo, que nos contamos por centos.

Faro de Vigo 2-9-2010

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio