Paco Nóvoa, altruismo e profesionalidade

La Voz de Galicia – Santiago Prol

A primeira vez que compartín unha longa conversa con Francisco Nóvoa (Paco para case todos) foi dous días antes da presentación no Pazo Provincial da biografía João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal (Dep. Ourense, 2002). Logo estivo presente no acto no que lle achegamos aos xornalistas a biografía dun galego universal, o máis relevante do século XVI. Ao remate camiñamos até a rúa do Paseo. Eu quería mercarlle nunha das casetas da Feira do Libro as Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002). Tomamos un café e departimos outras dúas horas. O tema central foi Maceda, unha teima que nos ten obsesionados aos dous.

Dende o meu exilio compostelán sabía que Paco Nóvoa contribuía de xeito altruísta en infinidade de causas, tanto na capital como en Maceda. Ao pouco de acceder o nacionalista Bieito Seara á alcaldía en 1995, a xenerosidade económica de Paco foi capital para artellar as Primeiras Noites Folk do Castelo que nos quedaron gravuradas na memoria. Actuaran Chouteira, Vai de Roda e Berrogüetto. Ao ano seguinte Luar da Lubre, Durindaina e os escoceses Shooglenifty. A derradeira fora no 97 con Bate Certo, os Cempés e João Afonso (o sobriño do entrañábel Zeca). Os que tiñan que darlle continuidade non souberon nin quixeron. Unha mágoa, xa que logo Maceda estaba ben inserida nos circuítos Folk do País. O marco era inmellorábel e Paco puxera moita enerxía naquel proxecto que coordinaran Xulio Conde e Xavier Rubín.

Tamén actuou como mecenas no mundo do deporte. Antano co fútbol sala e hogano co atletismo. O club Ourense Academia Postal que preside Paco Nóvoa semella un proxecto moi ambicioso. Estando el detrás sabemos que a ilusión por facelo máis grande estará sempre presente. Tamén axuda ao Club Ciclista Maceda.

Paco, que naceu no seo dunha familia modesta en Francos (Maceda) en 1944, é unha persoa feita así mesma. Ninguén lle regalou nada. Comezou moi novo como empregado nun comercio da nosa vila. Sacrificou moito tempo dedicado á súa formación para chegar onde está hoxe. Ingresou en 1966 como funcionario de Correos. En 1968 artellou en Ourense un centro que preparaba oposicións para Correos. Logo estendeuse a outras administracións. Na presentación da web www.academiapostal.es podemos ler: «Froito do que consideramos unha boa xestión e co aval dos bos resultados obtidos ao longo dos anos, iniciamos a expansión: novos centros en Galiza (Vigo, Santiago, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ferrol) e fóra da comunidade (Oporto, Valladolid). Ás oposicións fómoslle sumando informática, apoio ao estudo, novas tecnoloxías, idiomas, formación ocupacional, continua a empresas e administracións e ciclos formativos profesionais». O rigor, a seriedade e a calidade do ensino fai que esta rede de centros se conforme como un referente en toda a Península.

Conta tamén cun selo editorial propio (Servipost). As cifras cantan: 83 volumes; 14 en galego coa normativa vixente, incluídos os das novas tecnoloxías (12 máis que axiña se presentarán) e más de 15.000 alumnos que hoxe traballan na Administración. Ademais está inserido no Servizo Galego de Colocación e funciona como centro de formación ocupacional para desempregados, tendo homologadas varias especialidades por parte da Xunta de Galicia. Conta con formación «on line» e coa Universidade Popular Galega, onde o discente pode recibir docencia particular no fogar. No 2008 cumprirá corenta anos este ambicioso proxecto de formación multidisciplinar que dá emprego a moitas familias (175 profesores e 100 colaboradores).

En 1993, Francisco Nóvoa foi nomeado xefe provincial de Correos. Estivo doce anos ao fronte da entidade cunha brillante xestión. O 29 de setembro de 2005 -co edificio central da capital integramente renovado- foille concedida a excedencia. En decembro de 2003 xa nos insinuara a Bieito Seara (actual director xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta) e a min, que tiña en mente deixar o cargo público para centrarse a tempo completo a Academia Postal.

Maceda débelle moito ao filántropo Paco Nóvoa. Institucionalmente o Concello tivo un xesto con el cando o nomearon pregoeiro da Festa Medieval no 2003. Non abonda. Vai sendo hora de recoñecerlle os servizos prestados con outros xestos. Paco amósase como unha persoa con gran proxección social. Conta cunha entrada no Diccionario Galego Universal. Participa en tertulias en radio e televisión. Ten apelido de avoengo e é unha persoa hiperactiva e hipereficaz facendo sempre gala de altruísmo, profesionalidade e mecenado.

Beizón amigo e grazas por ter a Maceda sempre nas túas arelas.

La Voz 24-1-2006

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio