O discurso prohibido de Gómez Román

Galicia Hoxe.com – CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ

A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda Setestrelo, acaba de publicar estes días o discurso de ingreso do arquitecto vigués Manuel Gómez Román na Real Academia Galega. Digo discurso, porque era o que ía ler o ano 1951 no salón nobre do Casino de Vigo, ao que respondería Ramón Otero Pedrayo, pero non puido ser, pola prohibición gobernativa de que non se empregase o idioma galego no acto. Ante tal impedimento, optouse por unhas breves palabras en castelán por parte de ambos os dous ilustres académicos, para nada relacionadas co que tiñan pensado dicir.

Como non se chegou a ler, o discurso tampouco se publicou por parte da Academia, como adoita facer, permanecendo dende entón esquecido este interesante texto que agora, 58 anos despois, se pon a disposición de todos. Gómez Román nace en Vigo en 1875. Abandonou os estudos de arquitectura, viaxou por Europa e América, traballou en empresas construtoras, deseña extraordinarios proxectos que asinan outros, ata que funda unha academia na que dá clases de debuxo, ao tempo que decide concluír a carreira que empezara moito antes, cando xa contaba 42 anos, en 1917. Como escribe Francisco Fernández del Riego no limiar, «o egrexio arquitecto vigués leva dentro de si, co claro estilo da arte que cultivaba, a fonda emoción da máis pura galeguidade». E proba senlleira éo este discurso de ingreso na Real Academia Galega, que tivo a valentía de non traducir ao castelán, pronunciando non máis que unhas poucas verbas alleas ao texto que con tanto empeño redactara.

Mantivo estreitas relacións cos homes do Seminario de Estudos Galegos, e mesmo despois da loita fratricida, cando se constitúe o Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos, o seu herdeiro espurio, deseña un fermoso edificio para sede da nova institución, no mes de marzo de 1947, que nunca chegaría a pasar do papel, que chama a atención pola monumentalidade barroca, propia da última época do seu labor. Amigo de Castelao, Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Filgueira Valverde…, foi o primeiro secretario xeral do Partido Galeguista, intervindo activamente na campaña a prol do Estatuto de 1936.

O discurso constitúe unha peza singular da arquitectura galega, breve, pero non por iso menos interesante, no que expón o seu parecer verbo da paisaxe e da arquitectura; a «alborada luminosa do Románico», que co Mestre Mateu chega á máis alta perfección, ao tempo que lles imprime galeguidade ás novas formas do oxival; e o barroco, no que «o espírito de galeguidade remaneceu forte e vibradoiro», que «máis que estilo dunha época, hai que o considerar como fase de superación, de exhuberante evolución das etapas precedentes […] ata tal punto que chegou constituír a nosa xenuína maneira de expresión». Defensor do hábitat, de non esquecerse da tradición e da harmonía entre a paisaxe e a arquitectura. Mágoa de non ter en conta antes as palabras de Gómez Román! A Lei galega da paisaxe aprobaríase en 2008, nada menos que 44 anos despois do seu pasamento: «Se tal acontecera estariamos no camiño de podermos facer que Galicia puidera aparecer na concreción dunha España moderna, con destacada e singular prestancia. Porque, a carón dun programa ben definido a cumprir, que chegara ao fondo do noso sentimento, tódolos seus fillos achegarían, con emoción creadora, o seu tributo á Terra Nai. Dese xeito poderíase facer dela un país no que todos, nun ambiente de paz e xustiza, lográsemos traballar, cantar e louvar a Deus».

Así remataría o discurso que os franquistas non deixaron pronunciar no Casino de Vigo o ano 1951.

Galicia Hoxe.com 7-11-2009

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio