Nova asociación en Maceda

La región – Antonio Piñeiro

Infórmame un amigo do inminente nacemento dunha nova asociación cultural na provincia, que seica vai levar o nome de ‘Asociación de amigos do Castelo de Maceda’.

Logo, achégame algúns dos pormenores que serven de alicerce para este alumeamento asociativo, así como o nome e apelidos de quen se atopa ó pé do cabezallo do proxecto e saúdo feliz a iniciativa, non xa porque os que anden a turrar por el sexan -coma Paco Nóvoa- amigos, canto polos proxectos que pretenden levar a cabo e que casan con algunhas teimas que eu levo defendendo nesta columna dende hai moito tempo.

Dime o amigo que me informa, que entre outras iniciativas de carácter máis local que procuran axudar a recolocar a Maceda no mapa cultural da provincia, queren tomar como referencia a figura do arquitecto vigués, Manuel Gómez Román (terei que preguntar se se portén cos Román de Celanova, entre os que se atopaba o cineasta Antonio) para crear un premio destinado a recoñecer as mellores obras de restauración de vivendas rurais, así coma outros traballos de conservación de arquitectura popular, que se leven a cabo nesta Galicia tan precisada de tratamentos rexeneradores de autoestima constructiva.

Sen dúbida, os ‘Amigos do castelo de Maceda’ porán a andar algo que outras comunidades autónomas -coma Asturias- levan décadas promovendo e que sigo se entender por qué a administración galega non ten creado aínda, como é iso de premiar intervencións -individuais ou colectivas- no medio rural.

Tamén me din que entre outros cargos institucionais, está previsto que asista o vicepresidente do Parlamento galego.

Pois ben, como sei que me le, aproveito este saúdo ós ‘Amigos do castelo de Maceda’ para instalo a que tome como disculpa o nacemento desta asociación e da súa man promova unha iniciativa parlamentaria co fin de que a Xunta cree un premio á recuperación arquitectónica do medio rural que se podería chamar ‘Aldea do ano’ ou como mellor estimen pertinente.

La region 10-10-2009

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio