Historia


Ahistoria de Galicia, da que se ten escrito moito, é unha asignatura descoñecida aínda por moitos galegos e galegas. As torres e castelos ciscados pola nosa xeografía teñen dentro de si unha memoria apenas coñecida polos moradores máis próximos. Boa parte da nosa historia esvaeceuse no maxín do noso pobo. De tal sorte que aquilo que non se coñece convértese en lenda polo común da xente; ese tránsito da realidade á ficción, faise cando as fontes da historiografía son descoñecidas polas xentes, que son ao cabo, as que deben transferir os coñecementos ás novas xeracións.

Maceda é terra fortificada, centro neurálxico de estratexias militares. Foi escenario de acontecementos históricos dos que deixou constancia escrita Vasco de Aponte na súa obra “Recontos das Casas Antigas do Reino de Galicia”. O historiador relata os avatares dun período longo de tempo no que as transformacións económicas, políticas e sociais convulsionaron boa parte do noso territorio. As revoltas irmandiñas marcaron a perda do poder político dunha nobreza que non soubo estar á altura do seu tempo. Maceda foi, como outros moitos lugares de Galicia, praza fortificada e de señorío.

O Castelo de Maceda está situado na parroquia de San Pedro de Maceda, a 20 kilometros de Ourense. Érguese orgulloso nun enclave outrora estratéxico, a pouca distancia da Vila de Maceda, patria de persoas senlleiras entre as que cabe destacar o cardenal Fernando Quiroga Palacios, o mariño descobridor D. Joao de Novoa, D.Alfonso de Lanzós e Novoa, primeiro conde de Maceda, etc… No século XII é cando o castelo e as terras limítrofes son entregados como dote no matrimonio entre María Fernández, filla de Dona Tereixa de Portugal e o conde Fernando Pérez de Traba e Don Juan Ares de Novoa de Ribadavia.

Pero Maceda non é coñecida somente polo seu castelo senón tamén por outros fillos ilustres, entre eles o descobridor Joao de Novoa, un navegante que permitíu afianzar unha ruta marítima que ligou Portugal coa India e Oriente despois de que a ruta terrestre a través de Constantinopla se pechase. Descubridor das illas da Ascensión e de Santa Helena (ésta asociada á figura de Napoleón Bonaparte). No século XVII, Felipe IV concede o condado de Maceda a Santiago Alonso de Lanzós, rexidor da cidade de Betanzos. A historia local sitúa ao príncipe Alfonso, futuro rei Alfonso X “O Sabio”, pasando boa parte da súa infancia no Castelo de Maceda. Aquí aprendeu a falar a nosa lingua, que logo lle habería servir para escribir as Cantigas de Santa María, o monumento literario máis prezado da nosa cultura. Os seus coñecementos de astroloxía permitíronlle escrutar o enigmático espazo no que está o Setestrelo, xeometricamente visible, inspirador de tantas interpretacións populares. Velaí porque levados pola mesma curiosidade nace a Asociación de Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo”. O Setestrelo foi sempre unha referenza para a orientación e fonte de inspiración para a elaboración do imaxinario popular.

 

 

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio