«Esta homenaxe é o mellor da miña vida xunto co nacemento dos meus fillos»

Faro de Vigo – NATALIA UMPIÉRREZ

Con 66 anos ás súas costas e tras cincuenta deles traballando, o presidente do Grupo Academia Postal, Francisco Nóvoa, recibiu onte o recoñecemento da súa vila natal, Maceda, ó nomealo como fillo predilecto da vila.

Orgulloso da terra que o viu nacer, o macedán recoñece que, o de onte, foi o día máis feliz da súa vida xunto cos días nos que naceron os seus fillos.
O seu nome converteuse nun referente, non só na historia da súa vila senón tamén na cidade de As Burgas debido ó seu intenso traballo dende a institución que fundou en 1968.
Paco, que recoñece que un dos seus defectos é dicir a case todo que si, lamenta non dedicarlle máis tempo á familia, mais amósase satisfeito co traballo realizado ó longo da súa vida.

–Despois de tantos anos de traballo, como recibe este recoñecento da súa vila?
–Recíbo este recoñecemento con moita ledicia e orgullo. Supón unha gran honra para min, que os meus veciños, a xente do pobo onde nacín me rinda esta homenaxe e me nomee fillo predilecto, o primeiro da época da democracia. E ademais cunha significación especial, o feito de ser por unanimidade. Sen dúbida, é o día máis importante da miña vida pero tamén asumo unha grandísima responsabilidade para seguir sendo leal, como fun sempre a esta vila de Maceda.

–Como comeza no mundo laboral? A que idade comezou a traballar?
–Comecei a traballar ós 17, mentres estudiaba traballei encomercio, no cine, nunha edición dun periódico… alá onde tiña oportunidade de gañar algo de diñeiro para seguir estudiando. Logo seguin estudiando e opositei. Ingresei en correos no 1966 e traballei ali corenta anos, primeiro como funcionario de carreira e os últimos catorce anos cunha gran responsabilidade, a de ser xefe provincial, nunha etapa na que Correos estaba nun cambio tremendo no paso ó que podemos chamar unha sociedade anónima, e me tocou a min liderar ese cambio e facelo co maior acerto posible.

–Como xurdiu Academia Postal? Cal foi a súa orixe?
-Paralelamente, mentres me foi posible, unha vez que me concederon a compatibilidade foi cando comecei coa Academia Postal. Foi un comezo “de risa”, cuns poucos alumnos que me pediron que lles axudase a preparar a súa oposición así empezou un camiño que non se pensaba que ia levarnos á situción que temos hoxe.

–Como foi a evolución da Postal? En que situación se atopa hoxe?
–Comezamos no 68, levamos 41 anos de vida e hoxe contamos con 15 centros de formación. O último abriuse en Madrid hai uns días. Temos cinco centros en Ourense, dous en Vigo, en Santiago, A Coruña, en Valladolid, un centro tecnolóxico en Oporto. Creamos unha consultora de formación, que vai ser o que nos permita sair desta situación que afecta neste momento ós centros de ensinanza.

–Neste momento canta xente está empregada na Academia Postal?
–Contamos con 160 traballadores de plantilla fixa e preto de 250 colaboradores puntuais, especialistas en determinadas materias. Ademais Academia Postal conta cun centro de formación profesional, un centro de carácter privado en Ourense. Témolo tamén en Lugo e Vigo, pero onde está activo neste momento é en Ourense con 8 ciclos formativos homologados polos que estamos loitando por mantelos abertos dada a escasez de alumnos que hai neste momento que non só afecta ás universidades e ós colexios senón tamén a centros coma este.

-Cre polo tanto que é fundamental a aposta pola formación profesional?
– Si e espero que en non moito tempo teñamos constituido un centro integral de formación profesional, unha formación onde considero que está o futuro.

–Como se desenvolve a actividade editorial de Academia Postal?
-Temos unha editorial propia coa que nos dedicamos fundamentalmente a editar libros en galego e, desde logo, todo aquel material que necesiten os nosos centros. Dende o ano 2000 temos 150 libros editados en galego. Neste momento hai 14 en edición, todos relacionados coa información reglada.

–Vostede ten manifestado a súa intención de renderlle unha homenaxe á Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, e quen viviu no edificio onde se ubica hoxe a Postal. Sigue en pe a idea dese recoñecemento?
–Si, alí naceu e viviu Ferrín durante moitos anos. Estamos desexando facerlle unha homenaxe a este noble ourensán e colocar unha placa. Consultamos con el a intención, agradeceunos moito o xesto pero esperaremos para facelo xa que anda moi atarefado con outros proxectos.
–En novembro fará un ano da creación da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda (Sestrelo) que vostede preside. Cal é a súa actividade?
– É unha asociación que nace para dinamizar Maceda, para traballar coa aportación de todos por cousas que necesita a vila. O primeiro que fixemos foi crear o premio Manuel Gómez Román de arquitectura dirixido a premiar a aquelas persoas que fagan un trato amable da construcción nova e pola revalorización da obra histórica. Ademais concedemos unhaa medalla que se vai entregar a aquelas persoas físicas ou xurídicas que amosen preocupación por evitar o “feísmo” que todavía queda na nosa Galicia.

–O seu labor no deporte ourensán tamén é moi meritorio, en que situación se atopa hohe o Clube de Atletismo Academia Postal?
-Sempre pensei que o importante non é só formar senón tamén crear motivacións para os alumnos e que lles permitise integrarse nos nosos centros facendo algo cultural e deportivo. A academia Octavio de Vigo é na que eu me inspirei para a Postal, porque sendo unha escola pequena puxo en valor o balonmán en Galicia. Nós comezamos co futbol sala, estivemos 16 anos detrás del e logrou dar ilusión e acadar a súa difusión en Galicia.
Hoxe contamos con 547 atletas e 12 escolas deportivas na provincia e creo que estas cifras auguran un gran futuro para o atletismo en Ourense.

Faro de Vigo 5-9-2010

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio