En Maceda, o pasado ten futuro

El Progreso – Xosé González Martínez

Un dos obxectivos da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda será convocar os premios Manuel Gómez Román para incentivar a creatividade na reconstrución da nosa arquitectura tradicional.

En 1951 cando o salón nobre do Casino de Vigo estaba ateigado de xente disposta a asistir á lectura do discurso de ingreso na Real Academia Galega do arquitecto Manuel Gómez Román, unha orde gobernativa prohibíu o acto académico por estar prevista a súa celebración en lingua galega. Disolveuse o acto tras unhas breves palabras de Ramón Otero Pedrayo.

Gómez Román abordaba no seu discurso a preocupación pola desfeita da arquitectura tradicional e a aparición de construcións extrañas á nosa tradición que afeaban a paisaxe. «Neste aspecto —dicía— cómpre unha reeducación». Para conseguila propuña «que as nosas institucións culturais interveñan activamente para lle dá-los nosos matices a ese labor arquitectónico para que esa aportación sexa ben valorada». Avogaba por un pulo institucional, a través do deseño dunha estratexia para que a cualidade das construcións tivesen axeitada expresión de modernidade, respetando a nosa xenuina maneira de facer. «Ese traballo de divulgación institucional debería espertar nas xentes a sensibilidade que hoxe parece desorientada e morta», —dicía—. Tal que hoxe. A preocupación pola conservación da nosa arquitectura rural recollea Gómez Román dunha tradición cultural que ten na Asemblea Nacionalista de Monforte, do ano 1917, a súa acaída expresión cando decide declarar «a soberanía estética de Galicia», un desexo que é recollido polo Primeiro Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925, onde se discutíu e aprobou un coidado plan para divulgar unha nova tipoloxía de casa rural, onde os distintos compartimentos do hábitat conxugaran a confortabilidade dos seus moradores con dependencias agrícolas independentes para garantir a hixiene e mellor calidade de vida dos labregos. A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda, ‘Setestrelo’, que preside o dinámico empresario Francisco Novoa Rodriguez, director xeral do Grupo Academia Postal, vai ser presentada nun acto público o próximo día 17, no castelo de Maceda. Un dos obxectivos será, en clara sintonía co pensamento de Gómez Román e as conclusións dos devanditos congresos, convocar os premios Manuel Gómez Román para incentivar a creatividade na reconstrución da nosa arquitectura tradicional, que se completarán con outros proxectos: divulgación histórica e coordinación con outros concellos da eurorrexión que teñan castelos, torres e enclaves históricos artellando unha rede semellante a outras xa existentes en Europa, Francia, Alemania ou Escocia. Recuperación dos camiños históricos que atravesan Maceda e a súa ampla comarca, a calzada romana XVIII, Vía Nova e o camiño medieval, que unía Monterrei con Monforte de Lemos, para ofertar un turismo verde, aproveitandoas oportunidades que nos ofrece a celebración do próximo Xacobeo. O nacemento dunha entidade privada que se implique na nobre tarefa de facer país é sempre unha boa noticia, de aí que o reitor da Universidade da Coruña teña anunciada a súa presenza. Acudirán ao acto de Maceda tamén, o alcalde e corporativos do Concello, empresarios e representantes de moitas institucións públicas galegas. En Maceda o pasado ten futuro

El Progreso 15-10-2009

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio