Discurso Manuel Gómez Román

Aínda que serodiamente, tribútaselle nestora a debida homenaxe á figura e á obra de Manuel Gómez Román, tan vencellado a Vigo e a Galicia. Promoven a homenaxe persoas comprometidas co país e cos seus valores. Neste breve volume recóllese o texto do discurso que ía lér no ingreso na Academia Galega como numerario. Pero este feito non se puido producir porque cando estaba reunida a institución académica no entón Casino da Sociedade natal do arquitecto, chegou unha orde gobernativa da ditadura prohibindo o emprego da lingua galega. Por tal motivo malogrouse o acontecemento. Tanto o texto do receptor como o de Otero Pedrayo, recipendario, permaneceron inéditos.

Aquí, nestas páxinas, rexístrase o pensamento da arte arquitectónica expresada polo autor non só como amante do románico e do barroco, senón do medio ambiente no que os edificios foron erixidos.

Exemplo de adaptación ao medio é o fenómeno artístico realizado por Manuel Gómez Román. Soubo fixar a súa atención no ciclo arquitectónico medieval e do noso barroco; ciclos que son o trasunto do mesmo nervio histórico de Galicia. Pero, asemade, aprendeu a traballar a pedra  granítica das canteiras galegas, e a ollar nela toda a nobreza que encerra, para dar senso á construción.

O egrexio arquitecto vigués leva dentro de si, co claro estilo da arte que cultivaba, a fonda emoción da máis pura galeguidade. Ollamos, evocamos ao home, en moitos intres da nosa vida de vencello e de amizade, divagando polas rúas viguesas, no seu estudio, curvado sobre os planos, falándonos da súa obra, dos seus proxectos. Evocámolo agora, aquí, coa súa alta e espiritada figura, que se inclinaba tan amablemente para escoitar. Coa súa faciana grave e souril. Sobrio no vestir, mesurado e cortés no falar. Abondaba a súa presenza física para determinar aquela sensación de seguridade e amizade, de conforto intelectual e moral, propio das persoas dotadas dun equilibrio de pensamento e de sentimento perfectos. Esa placidez, esa bonhomía inexorable do arquitecto, conxugadas coa quente emoción con que sentía a Galicia, téñennos impresionado sempre. Coñecemos algúns dos expoñentes representativos das súas edificacións, pero sobre todo, temos fitado os magníficos proxectos que dormían no seu despacho, agardando a ocasión axeitada para cristalizárense en realidade. En toda a súa obra, Gómez Román demostrounos, practicamente, como o instito certeiro —salvando os intervalos temporais e os valos do gosto adulterado— recoñece o instinto tradicional. Como se volta ao estilo, como se amece o presente co pasado. Como, en suma, non é tan doado, coa inspiración do patriotismo, aproveitar as enerxías acuguladas, os tesouros adquiridos, e engadir algo persoal, propio, á obra das xeracións.

Francisco Fernández del Riego

Discurso Gomez Roman

© Copyright 2021 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio