Convocatoria da IV Edición dos Premios Gómez Román de Arquitectura Tradicional 2013

A Asociación Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo” convocou xa a IV edición dos Premios Gómez Román de arquitectura tradicional e construcións adxetivas para o ano 2013.

Estes premios pretenden incentivar a protección e consolidación do patrimonio arquitectónico popular e as distintas tipoloxías do hábitat galego. As dúas modalidades destes premios  “edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas” e “construcións adxectivas rehabilitadas ou reconstruídas” pretenden estimular a rehabilitación do hábitat tradicional galego e contribuír deste xeito á recuperación da paisaxe e núcleos rurais de Galicia.

A recuperación da arquitectura tradicional galega debe facerse seguindo o criterio de orixinalidade que non a desvirtúe con modificacións estrañas á súa idiosincrasia, tanto nas formas como na utilización dos materiais empregados para á súa rehabilitación. O arquitecto don Manuel Gómez Román foi o xenuíno defensor da nosa arquitectura popular, continuador dunha tradición forxada por egrexios mestres da cantería que contribuíron a crear un estilo propio que caracterizou a nosa arquitectura popular. A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda, SETESTRELO, quere honrar a memoria daqueles que no século pasado avogaron pola soberanía estética de Galicia, convocando o premio que leva o nome Manuel Gómez Román, que se rexerá polas seguintes bases.

Bases:

1.- Poderán concorrer ao “Premio Manuel Gómez Román” calquera persoa física ou xurídica propietaria ou redactora do proxecto dalgunha edificación tradicional ou construción adxectiva reformada ou rehabilitada en Galicia.

2.- É condición indispensable que tanto os deseños como os materiais empregados e demais características das edificacións e construcións presentada a concurso, estean en consonancia coa contorna e garden relación coa arquitectura tradicional da comarca.

3.- Admitiranse unicamente aqueles proxectos que estean totalmente rematados e que conten con licenza de apertura ou ocupación do Concello correspondente.

4.- O “Premio Manuel Gómez Román” comprende dúas modalidades:

a) Edificacións  tradicionais rehabilitadas ou restauradas, dotado con 2500 €

b) Construcións adxectivas (hórreos, pombais, muíños…) rehabilitados ou reconstruídos, dotado con 1500 €.

Estes importes estarán suxeitos á lexislación fiscal vixente.

5.- A Asociación “SETESTRELO” concederá anualmente a medalla de prata a unha personalidade, pública ou privada, que teña salientado pola promoción e defensa do patrimonio material ou paisaxístico de Galicia.

6.- Para participar na convocatoria do “Premio Manuel Gómez Román”, deberase presentar a seguinte documentación:

a). Reportaxe fotográfica da construción e a súa localización, así como calquera outra documentación que consideren oportuna (planos, proxectos técnicos, etc.), sen especificar a autoría.

b). Copia da licenza de apertura ou ocupación da obra expedida polo Concello correspondente.

c). Datos do propietario ou propietarios do inmoble: nome e apelidos, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico

7.- Condicións do concurso:

a). O número máximo de proxectos a presentar por un mesmo técnico ou equipo será de dous.

b). Os proxectos deben estar relatados en lingua galega.

c). Para a súa valoración e exposición, entregaranse dúas copias en papel da redacción técnica dos proxectos. Ademais presentarase unha memoria fotográfica que se achegará por calquera medio dixital (CD, DVD, USB, correo-electrónico…).

d). Facilitarase en sobre independente a identidade do autor ou autores de cada proxecto que se presente a concurso, para a súa apertura e coñecemento polo xurado trala valoración dos premiados.

8.- Presentación da documentación:

a). A documentación poderá presentarse persoalmente ou mediante envío postal á sede da Asociación Amigos do Castelo de Maceda  “SETESTRELO” na Rúa Reza, 3 CP. 32003 de Ourense.

b). A documentación en formato dixital poderá enviarse ao enderezo info@setestrelo.es

En ambos casos debera indicar no sobre ou no asunto: “Proposta para o Premio Manuel Gómez Román”, e a modalidade do premio pola que concorre.

Prazo de presentación:

a). O prazo de recepción da documentación requerida remata ás 12 horas do día 30 de setembro do ano 2013.

9.- Os membros do xurado avaliador do “Premio Manuel Gómez Román” serán nomeados pola Xunta Directiva de “SETESTRELO”, entre profesionais da arquitectura e da cultura galega, anteriores técnicos premiados, así como responsables da asociación. A súa composición e maila data de reunión para a deliberación darase a coñecer logo de rematado o prazo de presentación de proxectos.

O xurado terá potestade para a interpretación das presentes bases, podendo declarar deserto o premio que considere oportuno.

10.- Unha vez emitida e divulgada a decisión do xurado do “Premio Manuel Gómez Román”, os propietarios ou redactores das construcións premiadas ou persoas nas que deleguen, deberán asistir ao acto de entrega de premios que se celebrará no Castelo de Maceda  o día 16 de novembro de 2013 ás 12,30 horas da mañá.

11.- A Asociación Amigos do Castelo de Maceda “SETESTRELO” resérvase o dereito de utilizar cantas veces estime oportuna, a imaxe e o nome dos inmobles galardoados, sen que iso dea lugar a ningún pagamento adicional, sendo a contía dos premios a única e total remuneración.

12.- Os proxectos premiados non poderán participar en sucesivas convocatorias do “Premio Manuel Gómez Román”.

13.- A documentación correspondente aos inmobles non premiados poderá ser retirada polos seus propietarios na sede da Asociación no prazo máximo de dous meses a partir da data do acto de entrega pública dos premios.

Posteriormente, a documentación que non fose retirada, destruirase.

14.- A participación neste concurso leva implícita a aceptación das presentes bases.

Bases de Convocatoría

Esta IV edición dos Premios Gómez Román de arquitectura tradicional e construcións adxetivas para o ano 2013 estan subvencionada pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio