Entrega dos Premios Manuel Gómez Román 2011

O sábado 15 de outubro de 2011 o Castelo de Maceda volveu ser escenario da entrega dos Premios Manuel Gómez Román que a Asociación Amigos do Castelo de Maceda “SETESTRELO” constituíu hai dous anos para  promover á recuperación do hábitat rural e construcións adxectivas así como a entrega da medalla de prata Gómez Román da asociación a unha personalidade senlleira do mundo da arquitectura e da cultura de Galicia.A presidencia do acto estivo composta por D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; D. Xosé Luís Baltar Pumar, Presidente da Deputación Provincial de Ourense;   D. Francisco Xabier Oviedo Rodríguez, Alcalde de Maceda;  Dª. María Lameiras Fernández, Vicerreitora do Campus de Ourense da U. de Vigo e D. Francisco Nóvoa Rodríguez, Presidente da Asociación «Setestrelo».

D. Francisco Nóvoa deu a benvida ao numeroso público asistente entre os que se encontraban D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia; D. Celso Delgado Arce, deputado do P.P. (en funcións) por Ourense no Congreso dos Deputados; D. Iago Seara Molares (medalla Setestrelo 2010); D. Clodio González Pérez (membro do Patronato do Museo do Pobo Galego), D. Xosé Manuel Freire Couto (Presidente do Inorde), alcaldes e ex-alcaldes das vilas limítrofes; representantes das múltiples asociacións culturais existentes en Maceda e na contorna,  empresarios e amigos. No seu discurso fixo constar a súa gran preocupación pola humanización da paisaxe das  vilas e cidades e pola necesidade de defender a estética urbanística e paisaxística de Galicia. Salientou a vocación galega dos premios  recordando a  herdanza que Ourense  aportou e aporta  a Galicia, citando a ourensáns  distinguidos a prol da cultura e da defensa da lingua e do patrimonio como D. Manuel Gallego Jorreto, D. Iago Seara Molares, D. Xoaquín Lorenzo, D. Clodio González Pérez, D. Vicente Risco, D. Evaristo Correa Calderón, etc…

O Secretario da asociación Setestrelo, D. Juan Conde González, deu  lectura a acta  onde se recolleu a concesión da medalla de prata Gómez Román  ao insigne arquitecto D. Manuel Gallego Jorreto,  polos moitos méritos  que concorren na súa persoa e como profesional que ten contribuido, desde a súa perspectiva persoal, a prol da afirmación da personalidade de Galicia como pobo.  D. Iago Seara Molares, arquitecto   foi o encargado de facer a louva do homenaxeado desde a amizade e a emoción.

O acto foi transcorrindo dun xeito áxil e co acompañamento da música interpretada  polo cuarteto Rondó que foi debullando pezas con grande calidade artística, desde Händel, a Boccherini, pasando por Milladorio e rematando con Himno Galego que todo o público escoitou poñéndose en pé.

A asociación Setestrelo, buscando o apoio de personalidades e amigos entregou de mans do seu Presidente,  acreditacións aos novos membros honoríficos da asociación entre os que cabe destacar ao Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, D. Xesús Vázquez Abad;  D. Xosé Manuel Freire Couto, Presidente do Inorde; D. Luís Manuel García Mañá, Xefe superior de policía de Galicia, D. Manuel Caamaño Suárez, arquitecto técnico e medalla Setestrelo 2010, D. Clodio González Pérez, etnógrafo; D. Celso Delgado Arce, deputado e Dª. María Lameiras Fernández, vicerreitora da U. de Vigo no campus de Ourense  e outros.

D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador e membro do  xurado desta II edición, deu lectura á acta de concesión premios que recairon en senllos estudios de arquitectura “Vázquez Müller” de Ourense e “Arrokabe arquitectos” da Coruña. Dª Estefanía Vázquez Müller foi a encargada de recoller o premio na modalidade de “Edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas” de mans do presidente da Deputación Provincial de Ourense D. Xosé Luís Baltar Pumar e agradeceu o mesmo desde a súa xuventude e co compromiso de seguir defendendo a recuperación dos edificios que conforman a paisaxe galega.

D. Oscar Andrés Quintela recolleu o premio correspondente á modalidade de “Construcións adxectivas rehabilitadas ou reconstruidas” de mans do Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García  e agradeceu o mesmo desde o compromiso de seguir mantendo esa liña de traballo así como as ensinanzas do profesor Gallego Jorreto.

Rematou o acto o alcalde de Maceda, D. Francisco Xabier Oviedo, que no seu discurso fixo constar a necesidade de recuperar o patrimonio urbanístico e tamén de preservar os montes como parte fundamental do patrimonio de Galicia e que tan salvaxemente están sendo destruidos polos incendios forestais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio