Convocatoria da II Edición dos Premios Gómez Román de Arquitectura Tradicional 2011

A Asociación Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo” convocou xa a II edición dos Premios Gómez Román de arquitectura tradicional e construcións adxetivas para o ano 2011.

Estes premios pretenden incentivar a protección e consolidación do patrimonio arquitectónico popular e as distintas tipoloxías do hábitat galego.Nesta edición o xurado estará composto polas seguintes persoas:

PRESIDENTE:

  • D. Francisco Nóvoa Rodríguez, presidente da asociación Setestrelo.

 

VOGAIS:

  • D. Xabier Oviedo, alcalde do concello de Maceda.
  • D. Iago Seara Morales, arquitecto “medalla Setestrelo 2009”.
  • D. Manuel Caamaño Suárez, aparellador “medalla Setestrelo 2010”.
  • Dª. Ángeles Castro Dapena, arquitecta “Premio Gómez Román 2010”.
  • D. Clodio González Pérez, etnógrafo e historiador.
  • D. Xosé González Martínez, presidente Foro Enrique Peinador.

 

SECRETARIA:

  • Dª. Carme Pérez Vaquero, membro asociación Setestrelo.

A xuntanza convocada para o día 17 de setembro -sábado- as 12:00 horas da mañá, terá como finalidade a avaliación  das propostas presentadas a premio así como a valoración  e  nomeamento da  medalla Setestrelo do ano 2011.

As dúas modalidades destes premios  “edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas” e “construcións adxectivas rehabilitadas ou reconstruidas” pretenden estimular a rehabilitación do habitat tradicional galego e contribuír deste xeito á recuperación da paisaxe e núcleos rurais de Galicia.

Bases

 

1.– Poderá concorrer ao “Premio Manuel Gómez Román” calquera persoa física ou xurídica redactora do proxecto dalgunha construción tradicional ou construción adxectiva reformada ou rehabilitada en Galicia.

2.- É condición indispensable que tanto os deseños como os materiais empregados e as demais características das edificacións e construcións presentadas a concurso estean en consonancia coa contorna, e garden relación coa arquitectura tradicional da comarca.

3.- Admitiranse unicamente aqueles proxectos que estean totalmente rematados e que conten con licenza municipal  debidamente legalizada.

4.- O “Premio Manuel Gómez Román” comprende dúas modalidades:

a) Edificacións  tradicionais rehabilitadas ou restauradas, dotado con 2500 €

b) Construcións adxectivas (hórreos, pombais, muíños…) rehabilitados ou reconstruídos, dotado con 1500 €.

Estes importes estarán suxeitos á lexislación fiscal vixente.

5.- A Asociación concederá anualmente a Medalla de Prata da Asociación a unha personalidade, pública ou privada, que teña salientado pola promoción e defensa do patrimonio material ou paisaxístico de Galicia.

6.- As persoas, institucións ou entidades interesadas en participaren na convocatoria do  “Premio Manuel Gómez Román”, deberán achegar a seguinte documentación:

A. Reportaxe fotográfica da construción e e a súa localización, así como calquera outra documentación que consideren oportuna (planos, proxectos técnicos, etc.).

B. Fotocopia da licenza de obra municipal expedida polo Concello correspondente.

C. Datos do propietario ou propietarios do inmoble:
– Nome e apelidos
– Enderezo postal
– Número de teléfono
– Correo electrónico

7.- A devandita documentación deberá enviarse á sede da Asociación Amigos do Castelo de Maceda  SETESTRELO antes das 12 horas do día 17 de setembro de 2011, indicando no sobre que conteña a documentación a seguinte lenda: “Proposta para o Premio Manuel Gómez Román”, así como a modalidade á que concorre.
Os envíos poderán facerse ao enderezo  postal :

Asociación de Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo”, Rúa Reza, 3- CP 32003 de Ourense

Ou a través do correo electrónico seguinte: info@setestrelo.es

8.- Un xurado de recoñecido prestixio reunirase o día 17 de setembro de 2011 para avaliar as propostas que se presenten.
Igualmente, terá potestade para a interpretación das presentes bases, poidendo declarar deserto o premio que considere oportuno.

9.- Unha vez emitida e divulgada a decisión do xurado dos “Premios Manuel Gómez Román” entregaranse en acto público que se celebrará no Castelo de Maceda  o día 15 de outubro de 2011 ás 12,30 horas da mañá.

10.- A Asociación Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo” resérvase o dereito de utilizar cantas veces estime oportuna, a imaxe e o nome dos inmobles galardoados, sen que iso dea lugar a ningún pagamento adicional, sendo a contía dos premios a única e total remuneración.

11.- As construcións premiadas non poderán participar en sucesivas convocatorias do “Premio Manuel Gómez Román”.

12.- A documentación correspondente aos inmobles non premiados poderá ser retirada polos seus propietarios na sede da Asociación no prazo máximo de dous meses a partir da data do acto de entrega pública dos premios. Posteriormente, a documentación que non fose retirada, destruirase.

13.- A participación neste concurso leva implícita a aceptación das presentes bases.

Maceda, 6  de agosto de 2011

Bases Premio Gómez Román de Arquitectura Tradicional 2011

 

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio