I EDICIÓN DOS PREMIOS MANUEL GÓMEZ ROMÁN

Xustamente un ano despois da presentación en sociedade da Asociación Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo”, o sábado 16 de outubro de 2010,  o Castelo de Maceda volveu estar de gala. Desta volta o acto tiña unha finalidade distinta, a entrega da primeira edición dos  PREMIOS GÓMEZ ROMÁN  á recuperación do hábitat rural e construcións adxectivas e a entrega da medalla de prata Gómez Román a unha personalidade senlleira do mundo da arquitectura e da cultura de Galicia. O acto iniciouse da man do trio de corda  Acordes D’ Adagio formado por profesores do Conservatorio Superior de Música de Ourense que interpretaron para todos os asistentes,en primeiro lugar,O Himno da Alegría. Baixo eses acordos entraron no salón os membros da presidencia do acto que estivo composta por D. Xosé Luís Baltar Pumar, Presidente da Deputación Provincial de Ourense;  D. Camilo Isaac Ocampo Gómez, Subdelegado do Goberno en Ourense;D. Francisco Xabier Oviedo Rodríguez, Alcalde de Maceda; D. Gerardo Pumar Pumar, en representación do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Dª. María Lameiras Fernández, Vicerreitora do Campus de Ourense da U. de Vigo; D. Xoán Xosé Rodríguez González, Presidente do Colexio de Arquitectos de Ourense e por D. Francisco Nóvoa Rodríguez, Presidente da Asociación Amigos do Castelo de Maceda «Setestrelo».

Entre a palabra e a música foi transcorrindo o acto ata chegar á entrega dos premios. D. Xosé González Martínez, Presidente do Foro Enrique Peinador e secretario do xurado deu lectura á acta de concesión dos mesmos que nesta primeira edición recairon, na modalidade de Edificacións tradicionais rehabilitadas ou restauradas, na arquitecta Dª. Angeles Castro Dapena,  polo proxecto de restauración do Centro de Educación Medioambiental “Na Eira da Xoana”, en Ramil, A Golada; e na modalidade de Construcións adxectivas (horreos, pombais, muiños, etc…) rehabilitados ou reconstruidos, no Estudo de arquitectura Salgado e Liñares, e nomeadamente nos seus socios D. Alfonso Salgado, D. Francisco Liñares e D. Santiago Rey, polo proxecto de Reintegración urbana do Patrimonio Cultural da Ribeira do Traba en Noia: acondicionamento, recuperación de accesos, lavadoiro e entorno dos muiños de Pedrachán.

O Secretario da asociación Setestrelo, D. Juan Conde González,  deu  lectura a acta  onde se recolleu a concesión da medalla de prata Gómez Román da asociación ao  profesor D.Manuel Caamaño Suárez, autor dunha obra magna na que se recolle polo miúdo o patrimonio arquitectónico e construcións adxectivas de Galicia e persoa dunha grande traxectoria a prol da cultura do País. D. Clodio González Pérez, etnógrafo, foi o encargado de facer a louva do homenaxeado.

Entre o númeroso público asistente encontrábanse, D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia; D. Celso Delgado Arce, Deputado do P.P. por Ourense no Congreso; D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. Celso Domínguez, membro da Asociación Álvaro das Casas; D. Emilio Fonseca Moretón, arquitecto que foi membro do xurado desta primeira edición, alcaldes, empresarios e representantes de entidades culturais e corporativas diversas. Cómpre salientar entre os asistentes unha ampla  representación de ADEGA (Asociación para a Defensa da Ecoloxía de Galicia) entidade promotora dun dos proxectos premiados que coa súa sensibilidade foi quen de apostar pola recuperación dunha construción adxectiva e dese xeito non deixar morrer parte do noso patrimonio.

Acta

Sendo as 12,50 horas do día 2 de outubro de dous mil dez, reúnense no Liceo de Orense os membros do xurado da I EDICIÓN DOS PREMIOS MANUEL GÓMEZ ROMÁN composto por  D. FRANCISCO NÓVOA RODRÍGUEZ,  presidente da Asociación Setstrelo; D. MANUEL CAAMAÑO SUÁREZ, aparellador; D. EMILIO FONSECA MORETÓN, arquitecto; D. IAGO SEARA MORALES,  arquitecto; D. FRANCISCO XABIER OVIEDO, alcalde de Maceda; D. CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, etnógrafo, todos eles na súa condición de vogais e D. XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, membro da asociación que actuou como secretario do xurado,  logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan outorgar os premios por UNANIMIDADE.

Na modalidade de EDIFICACIÓNS TRADICIONAIS REHABILITADAS OU RESTAURADAS a:

Dna. ANGELES CASTRO DAPENA, arquitecta, autora  do proxecto CENTRO DE EDUCACIÓN MEDIOAMBIENTAL “NA EIRA DA XOANA. RAMIL. A GOLADA” xa que conflúen no proxecto e no resultado arquitectónico unha perfecta comprensión das construcións e a contorna vinculante, de maneira unitaria, co resultado de recuperación da autenticidade e o ambiente tradicional, sen deixar xa de recrear a capacidade de provocar unha actual experiencia identitaria;  experiencia identitaria onde non están alleas a entidade promotora ADEGA, o arquitecto técnico, D. Antonio Cunqueiro Sarmiento e a empresa construtora RESCONSA.

E na modalidade de CONSTRUCIÓNS ADXECTIVAS REHABILITADAS OU RECONSTRUIDAS a:

O ESTUDIO DE SALGADO E LIÑARES,autores do proxecto e dirección da obra “REINTEGRACIÓN URBANA DO PATRIMONIO CULTURAL DA RIBEIRA DO TRABA-NOIA: ACONDICIONAMENTO, RECUPERACIÓN DE ACCESOS, LAVADOIRO E ENTORNO DOS MUIÑOS DE PEDRACHÁN” o proxecto e a obra executada ten como ámbito un espazo degradado por intervencións desestruturadoras varias ao longo dos últimos anos. Os autores profundizan na esencia do lugar que unha vez definida e formulada é recollida como idea artelladora do proxecto e dirección de obra, con resultado de clara e rigorosa restauración-rehabilitación dun lugar de fonda tradición galega.

Non quere deixar pasar o xurado a oportunidade de louvar a calidade técnica e profesional dos traballos presentados a concurso, facendo constar o bo facer e o compromiso de interacionar todos os proxectos coa cultura arquitectónica do territorio.

E sendo as 14,50 horas dase por finalizada a xuntanza, asinando ao pé os membros do xurado.

Medalla de plata

 En Maceda, a 1 de outubro de dous mil dez, reúnense os órganos de gobeno da Asociación Amigos do Castelo de Maceda -SETESTRELO- coa finalidade de conceder por segundo ano consecutivo a medalla de plata da asociación.

Por parte do Sr. Presidente faise a proposta de que a mesma sexa concedida a D. MANUEL  CAAMAÑO SUÁREZ, coñecido profesional relacionado coa arquitectura na súa dobre faceta, a de profesor da Escola de Arquitectura e autor  de diversas monografías sobre o noso patrimonio arquitectónico tradicional-popular avalada polo biografía que se relaciona:

Foi arquitecto técnico da Escola Politécnica de Barcelona e exerceu a docencia na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica de A Coruña (1975-2000) impartindo as asignaturas de  “Construcións tradicionais galegas”  e “Restauración e reutilización de edificios”, á vez que dirixíu máis de douscentos proxectos de fin de carreira de 1987 a 2003. Foi vicesecretario do Centro Galego de Barcelona (1958-62), presidente da Agrupación Cultural “O Facho” de A Coruña (1966-79), conselleiro das editorias GALAXIA (1972-86) e SEPI (1969-75), promotor e presidente da Sociedade Cultural ESCOLA ABERTA (1978-86) e membro fundador de ADEGA en 1976, da Fundación Castelao en 1983 e das revistas “Teima” e “Tempos Novos”, en 1976 e 1997, respectivamente. Actualmente é membro dos padroados do Museo do Pobo Galego e do Pedrón de Ouro. Nos anos 1970 e 1980 colaborou asiduamente en La Voz de Galicia. Conferenciante ocasional, intervíu como xurado en varios certames e premios e tamén presentou publicacións como Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes (1976), Arquitectura popular en Galicia, de P. de Llano (1981) e Tertulia de X. Alcalá (1985).

Publicou os seguintes traballos en libro, xunto con outros colectivos: Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica, en colaboración con X.M. Rodríguez Pampín (SEPI, 1980), Sobre Galicia como responsabilidades (Edicións do Castro, 1988), “A casa-vivenda”, no tomo XXIII do Proyecto Galicia de Hércules Ediciones (A Coruña, 1997), “A casa popular” e “As construccións adxectivas” (Cadernos do Museo do Pobo Galego, números 8 e 9, Santiago de Compostela, 1999) e As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Santiago de Compostela, 2003), obra galardonada cos premios de investigación XIX Premio “Antón Losada Diéguez” (abril 2004) e XXVII Premio da Crítica-Galicia (maio 2004).

Pasado a asunto a debate e posterior votación, acórdase por UNANIMIDADE dos presentes o seguinte:

  • Conceder a medalla ARQUITECTO GÓMEZ ROMÁN  a D. MANUEL CAAMAÑO SUÁREZ pola súa contribución a crear no País un clima propicio para a recuperación dos nosos valores arquitectónicos tradicionais, que lle será imposta no acto de entrega dos Premios Gómez Román que se celebrará o día 16 de outubro -sábado- ás 12,30 horas, no Castelo de Maceda.

Galería fotográfica

[nggallery id=8]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio