Presentación Premios de arquitectura tradicional “Manuel Gómez Román”

O día 27 de agosto -venres- presentouse aos medios de comunicación, na cidade de Ourense, a convocatoria da I edición dos  Premios de arquitectura tradicional “Manuel Gómez Román” e páxina web da Asociación de Amigos do castelo de Maceda “Setestrelo”.

A páxina web, realizada pola empresa Pio García Audiovisuais, S.L., será a fiestra onde se poida ver a cotío o traballo desenvolvido pola Asociación Setestrelo. A súa configuración dinámica, actual e sinxela, fará que o percorrido pola mesma sexa de grande utilidade para o usuario e aporte, dunha forma clara e concreta,  un coñecemento amplo do que se pretende.

O premio “Manuel Gómez Román” é un alegato contra o feismo en Galicia a partir da motivación  para que,  arquitectos, aparelladores, construtores e propietarios de casas rurais e construcións adxectivas, sexan quen de rehabilitaren esas construcións conforme á tipoloxía galega.

O Presidente de Asociación, Francisco Nóvoa Rodríguez, deu a coñecer  ao xurado que decidirá o premio nesta primeira edición, que estará composto por el e por,

  • Iago Seara Morales, arquitecto
  • Xabier Oviedo, alcalde do Concello de Maceda
  • Emilio Fonseca Moretón, arquitect
  • Manuel Caamaño Suárez, aparellador
  • Clodio González Pérez, etnógrafo.
  • Xosé González Martínez, presidente Foro E. Peinador

A decisión do xurado darase a coñecer a mediados do mes de outubro, ocasión que será aproveitada para anunciar quen será a persoa ou entidade merecente da medalla que a Asociación de Amigos do Castelo de Maceda,”Setestrelo” concede anualmente, para recoñecer o esforzo pola preservación dos valores arquitectónicos das nosas construcións populares.

Na rolda de prensa fíxose fincapé na preocupación demostrada ao longo do tempo por iniciativas tan senlleiras como a Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, que declaraba a necesidade de  proclamar a “soberanía estética da nación galega”, así como a expropiación como unha medida que garantise a conservación do noso patrimonio; o Congreso de Economía de Lugo de 1925 no que se propuxera un modelo de casa rural   que mellorase as condicións de vida dos labregos, separando as cortes e demáis dependencias complementarias das da vivenda dos seus moradores. Recoñeceuse o acerto do “Proxecto Terra” do Colexio de Avogados de Galicia, que tentou levar aos centros escolares do País unha campaña dirixida ao alumnado,  futuros cidadáns con capacidade de decisión na sorte das casas do noso rural.

Expuxéronse iniciativas tales como que as distintas administracións públicas elaborasen un  proxecto de reconstrución das nosas aldeas valéndose de infografías e as ferramentas que a informática proporciona para deseñar,  idealizadamente, a recuperación deses núcleos rurais. Tal medida serviría para que os axentes que interveñen nas obras de rehabilitación as proxecten sen traizoaren a tradición, fuxindo de innovacións arquitectónicas pouco acertadas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio