RECUPERACIÓN DE CAMIÑOS NATURAIS

Un bo proxecto de camiño natural ou vía verde debe ter como obxectivo xeral a reutilización de antigas infraestruturas viarias históricas, abandoadas ou en desuso, como elementos fundamentais para promover a mobilidade sostible, a educación ambiental, un turismo alternativo de natureza, e un desenvolvemento rural ambientalmente sostible.

Os camiños naturais ofrecen hoxe un especial atractivo para a práctica de actividades relacionadas coa natureza e a saúde: sendeirismo, excursionismo, ciclismo, rutas a cabalo, educación ambiental e turismo ecolóxico, a través deses itinerarios naturais e culturais.

Este proxecto ten como obxectivo particular  a posta en valor de dous camiños históricos principais cun denominador xeográfico común: O curso alto do Río Arnoia e as terras adxacentes.

Trátase pois de valorizar e dar a coñecer os dous camiños históricos principais que ao longo dos séculos comunicaron estas terras do Alto Arnoia, entre elas e coas outras bisbarras da provincia, para o seu disfrute pola poboación tanto residente como foránea.

Estes dous camiños son:

A Vía Nova romana que partía de Braga e chegaba ata Astorga, e que atravesaba no senso suroeste-norleste esta comarca. Procedente da Limia, entraba polo concello de Xunqueira de Ambía, atravesaba Baños de Molgas e Maceda, e saía a Montederramo logo de superar a costa do Rodicio, cunha lonxitude total nesta comarca de 28,0 qms.sen desvíos.

O Camino medieval transversal que atravesaba en senso perpendicular á Vía Nova esta comarca, de sur a norte. Procedente de Verín e Laza entraba nesta comarca seguindo o curso exacto do río Arnoia, por Vilar de Barrio e Baños de Molgas, subía a Maceda, cruzaba nun pequeno treito o concello de Xunqueira de Espadañedo, e logo por Esgos entraba en Nogueira de Ramuín para acadar o río Sil. O percorrido é de 40,12 qms. sen desvíos.

Estes dous camiños poden e deben ser un atractivo para os visitantes e turistas que queiran coñecer o noso territorio e o seu patrimonio. Sen dúbida, o mellor xeito de coñecer a xeografía, o patrimonio natural, histórico e artístico dunha comarca, é viaxando a pe, a cabalo ou en bicicleta, a través dunha rede de camiños naturais debidamente ofertados e acondicionados, aproveitando as infraestrutras hosteleiras existentes para comer e pasar a noite.

O valores, tanto naturais como patrimoniais, son abondosos e moi valiosos nos dous camiños. No entorno próximo á Vía Nova contamos coa colexiata de Xunqueira de Ambía, a igrexa prerrománica de Santa Eufemia de Ambía, a ponte romana de Molgas, o castelo de Maceda, e o mosteiro de Montederramo.  No Camiño Medieval pasamos pola ponte de Arnuide, o santuario dos Miragres, de novo o Castelo de Maceda, o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, o afamado San Pedro de Rocas e rematamos no conxunto fastuoso de Santo Estevo de Ribas de Sil. Ademais nos dous trazados temos a posibilidade de contemplar unha secuencia de paisaxes de moi elevado valor, dende a chaira cuaternaria da Limia que é onde comeza o tramo da Vía Nova, ata acadar as veigas pracenteiras do río Arnoia, e mais tarde as terras altas do río Mao logo de superar a faia xeolóxica máis paradigmática de Galicia. Polo camiño medieval temos a oportunidade de achegarmos desde as terras montañosas do Macizo Central e o San Mamede deica as ribeiras agarimosas do Arnoia, superar a divisoria entre o Arnoia e o Loña pola Serra de Meda, e descender por Rocas ata o Canón do Sil en Santo Estevo.

Abonda pois dicir que estes dous camiños ofrecen ao viaxeiro a posibilidade de descubrir auténticas xoias do noso patrimonio e vivencias plenas na contemplación das nosas tan contrastadas e evocadoras paisaxes.

A posta en valor destes camiños naturais suporía diversas actuacións que pasamos a enumerar:

  • Estudo de viabilidade: Identificación das trazas, alternativas, e elección da mellor opción.
  • Proxecto construtivo: Obras e infraestruturas necesarias para acondicionar o camiño.
  • Información e divulgación: sinalización, edición de folletos, publicidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2020 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio