Presentación da Asociación “Setestrelo”

O día 17 de outubro do ano 2009 o Castelo de Maceda brillou con luz escintileante das serras  de San Mamede e A Queixa. Unha fermosa mañá de outono deu cabida a un acto solemne organizado pola Asociación Amigos do Castelo de Maceda “Setestrelo” que preside o dinámico empresario D. Francisco Novoa Rodríguez,  que foi quen de xuntar a un numeroso e plural público neste primeiro acto da recén estreada asociación.

SETESTRELO o que pretende é dar pulo e dinamizar a vida cultural da histórica Vila de Maceda e da súa contorna, e recuperar  a defensa do patrimonio cultural e lingüístico de Galicia coa creación dos Premios Manuel Gómez Román, o arquitecto da singularidade galega que foi quen de  plasmar nos seus proxectos o estilo que máis lle acaía ás nosas construcións populares. Por iso SETESTRELO quere recoller os mandados daqueles eventos sociais e culturais, que acubillaban a esperanza dunha Galicia máis de noso, tanto nas formas coma no fondo, en consonancia coas raíces da nosa identidade cultural.

O acto estivo presidido por D. Xosé Manuel Baltar Blanco, Presidente en funcións do Parlamento de Galicia; D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; D. Xosé María Barja Pérez, Reitor da Universidade da Coruña; D. Francisco Xabier Oviedo Rodríguez, Alcalde de Maceda e D. Francisco Novoa Rodríguez, Presidente da Asociación Amigos do Castelo de Maceda SETESTRELO.

A música, interpretada polo grupo LULAVAI integrado por catro rapazas novas,  foi unha parte importante do acto e sonou dun xeito fermoso entre as pedras milenarias do castelo, interpretando pezas de música tradicional arranxadas para arpa céltica.

Personalidades que non poideron asistir ao acto fixeron chegar telegramas de apoio a  esta nova iniciativa dando ánimos e alento aos seus promotores para  continuar co traballo de recuperación da identidade colectiva. D. Francisco Fernández del Riego, amigo persoal de Gómez Román e que non pudo estar presente no acto debido a súa avanzada idade, pedíu encarecidamente que  se felicitase ao Presidente da Asociación Amigos do Castelo de Maceda «Setestrelo»,  polo recoñecemento, aínda que serodio, da figura de Manuel Gómez Román,  egrexio arquitecto vigués que levaba dentro de si, co claro estilo da arte que cultivaba, a fonda emoción da máis pura galeguidade. D. Gonzalo Jar Couselo, xeneral da Garda Civil en Madrid, que se encontraba convalecente dunha grave enfermidade,  fixo chegar a  súa máis fonda emoción polo proxecto que hoxe comezou a súa andaina e D. Luís Manuel García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia, que non pudo estar no mesmo por encontrarse en Lisboa por cuestións profesionais, transmíte o seu máis fondo cariño a este proxecto e ao seu presidente, polo acerto e sensibilidade que tivo ao poñer andar un proxecto tan amplo e de tanta transcendencia para o País.

O Secretario da Asociación D. Juan Conde González,  deu  lectura da acta  onde se recolleu a creación dos Premios Manuel Gómez Román así como o  acordo de entrega da medalla honorífica da asoaciación a Don Iago Seara Morales, un arquitecto de prestixio que soubo continuar o pensamento arquitectónico de Gómez Román recollido explicitamente no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, celebrado no ano 1951,  en Vigo e que non pudo ser lido por estar escrito en galego e que SETESTRELO publicou e entregou a todo o público asistente a este acto.

No acto fixéronse entrega das acreditacións, como membros honoríficos da Asociación Setestreloás personalidades seguintes: D. José Manuel Baltar Blanco, Presidente en funcións do Parlamento de Galicia; D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; D. Xosé María Barja Pérez, Reitor da Universidade da Coruña; D. Francisco Xabier Oviedo Rodríguez, Alcalde de Maceda; D. José Luís Baltar Pumar, Presidente da Deputación Provincial de Ourense; D. Camilo Isaac Ocampo Gómez, Subdelegado do Goberno en Ourense; D. Rogelio Martínez González, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; D. Francisco Rodríguez García,Presidente da Confederación de Empresarios de Ourense; D. Xoán Xosé Rodríguez González, Presidente Colexio de Arquitectos de Ourense.

Ao remate do acto a asociación invitou a todos os asistentes a un viño galego no que se degustaron produtos típicos do noso País e se brindou por unha longa vida da asociación e pola consecución de grandes logros para a cultura e o idioma de Galicia.

Galería fotográfica

[nggallery id=7]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Deixa un comentario


Nome*

Email (non será publicado)*

Web

Teu comentario*

Enviar comentario

© Copyright 2019 Setestrelo - Wordpress - Sitio WEB alojado y actualizado por Novo Milenio